viernes, 10 de abril de 2015

Circe ou o pracer do azul.

-Oh, Circe, miña meiga -dixo Ulises entenrecido-, como non hei eu respectar a túa vontade se foi pola túa afouteza en defendela que namorei como nunca antes namorara. Ámote porque es libre, miña señora, e porque o teu amor nin me compromete nin te somete. Ámote porque sei que me has deixar marchar sen lerias, nin reproches nin súplicas, cando reúna eu o valor e a braveza necesarias para partir da túa beira. Ámote, miña señora, porque ao te me entregares sempre te reservas. Ámote porque, mesmo cando te amosas agarimosa e maina, te adiviño indómita e salvaxe. Ámote porque sen deixar de estar, vas e vés ao teu antollo. Ámote porque te achegas e te afastas nun xogo que mesmo levas á linguaxe, onde tan pronto me atúas como me falas desde a distancia e o respecto. Ámote, miña deusa, porque me vexo en ti coma nun espello. Mírote e recoñézome, mais non es máis miña que o esvaradío do reflexo na pulida superficie.

No hay comentarios:

Publicar un comentario